III Premios Fin de Curso da Escola Municipal de Música Magariños
- ESMUMA
- Apr 24
- 2 min read
O Concello de Brión convoca os III Premios Fin de Curso, dotados con seis vales de 100€ cada un para a compra de material educativo

O Concello de Brión vén de facer pública a convocatoria dos III Premios Fin de Curso, destinados ao alumnado da Escola Municipal de Música Magariños para o curso 2025/2026. Estas axudas, que se enmarcan dentro do compromiso municipal coa promoción da cultura e a creatividade artística, teñen como obxectivo recoñecer o esforzo e a traxectoria musical do estudantado do centro.
Seis categorías e un premio de 100€ por cada unha
Os premios establécense en seis modalidades, atendendo aos distintos itinerarios e niveis educativos do Plan Educativo de Ensinanzas Musicais da escola:
Plan Educativo Xeral. Nivel I (cursos 1º, 2º e 3º)
Plan Educativo Xeral. Nivel I (cursos 4º e 5º)
Plan Educativo Xeral. Nivel II, Accesos e Reforzamento (todos os cursos)
Plan Educativo Xeral. Nivel III, IV e Mantemento (todos os cursos)
Plan Educativo Adultos. Nivel I (todos os cursos)
Plan Educativo Adultos. Nivel II, III e Mantemento (todos os cursos)
Cada un dos seis premios consistirá nun vale de 100€ destinado á compra de material educativo.
Quen pode participar?
Poderá optar a estes recoñecementos calquera alumno ou alumna matriculado no curso 2025/2026 que se atope como alumno activo durante o terceiro trimestre. Os requisitos deberán cumprirse na data de finalización do trimestre académico.
Criterios de valoración
O profesorado avaliará aos candidatos tendo en conta dous aspectos fundamentais:
Asistencia mínima do 60% en todas as materias que compoñen o itinerario académico da especialidade musical.
Valoración técnica e musical (ata o 40% da puntuación), na que se terán en conta aspectos como nocións teórico-interpretativas, actuacións diante do público, etc.
Xurado e resolución
O xurado estará presidido polo/a concelleiro/a de Música e estará integrado polo Claustro de profesorado da Escola Municipal de Música Magariños, actuando como secretario un empregado público do Concello de Brión.
O fallo do xurado será inapelable e publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello de Brión e da escola. O xurado poderá deixar desertos os premios se o alumnado non acada a calidade artística necesaria nin a asistencia mínima esixida.
Entrega de premios
O acto formal de entrega dos III Premios Fin de Curso terá lugar o mesmo día da Clausura Académica, e a continuación deste. A resolución dos premios corresponderalle á Alcaldía-Presidencia do Concello de Brión.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar as bases completas na web do centro ou dirixirse á propia Escola Municipal de Música Magariños.






Comments